O Concello de Lourenzá presentou o cartel anunciador e a pregoeira da XXXII Festa da Faba, que se celebrará desde o venres 4 ata o domingo 6 de outubro.
O cartel desta edición é obra do artista de O Valadouro Xosé Blanco, que estudou na Escola de Artes Aplicadas Pablo Picasso de A Coruña. Participou nas Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre de Sargadelos, onde tamén formou parte do Gabinete de Deseño. Participou ademais en numerosas exposicións con traballos de debuxo, pintura, gravado, cartelismo, ilustracións, etcétera. No cartel que deseñou para esta festa gastronómica, ademais de representar as fabas e as fabeiras, tamén fai un guiño a tradición laurentina, cunha imaxe do Rei Charlo portando unha ramiña de fabas.
Neste acto, no que estiveron presentes a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; o concelleiro de Cultura, Manuel Arango; e o de Medio Rural, Mario Leitón; tamén foi presentada a pregoeira desta edición da Festa da Faba. Trátase da mestra, actualmente xubilada, Amanda Gasalla Gasalla. Aínda que nada no concello de A Pastoriza, leva case toda a súa vida residindo en Vilanova de Lourenzá, onde exerceu como mestra durante máis de dúas décadas. A elección de Amanda, explica Manuel Arango, “débese a render unha homenaxe ás mestras rurais que realizaron a súa labor pedagóxica nunha época na que os recursos eran escasos pero non faltaba dedicación e amor á profesión, que ela soubo transmitir a varias xeracións de alumnos e alumnas, que a recordan sempre con moito agarimo. Tamén se valorou o feito de ser unha persoa que sempre colaborou desinteresadamente en moitas actividades realizadas polo Concello e de maneira especial nas distintas edicións da Festa da Faba”.