A premiada compañía Vaivén Circo presenta o 30 de decembro en Ribadeo o seu espectáculo "Esencial", co que está percorrendo toda España.

Vaivén Circo presenta o día 30 deste mes, mércores, en Ribadeo o seu espectáculo Esencial, co que está percorrendo toda España. Desde a súa creación, no ano 2008, esta compañía recibiu numerosos galardóns entre os que destaca o Premio Nacional de Circo en 2016.

Este espectáculo terá lugar no auditorio municipal Hernán Naval ás 19:00 horas con entradas numeradas gardando as distancias de seguridade, aforo reducido e demais medidas contra o Covid 19. As entradas xa están á venda en www.ataquilla.com.

Está organizado por Game Over Productions xunto co Concello de Ribadeo dentro do programa Platea do INAEM. Os seus responsables de Game Over destacan “a gran calidade de Vaivén Circo e en concreto deste espectáculo familiar, que fala de transicións. Cinco personaxes que xogan, que soñan, unha viaxe de aventuras que nos levará a lugares recónditos nos que a decisión vital será tomar o camiño máis simple. Este novo show de Vaivén Circo preséntase cunha posta en escena inspirada no arco iris de Waldorf, un xoguete composto por piares e arcos que propician unha espectacular escenografía”.
 
Nesta ocasión Miguel Moreno, coñecido como Bolo, que foi Premio Nacional de Circo 2016, conta con Javier Parra na dirección e a colaboración na posta en escena de Jokin Oregi, Premio Nacional de Teatro para la Infancia y la Juventud 2018 coa súa compañía Marie de Jongh.