A asociación cultural A Pomba do Arco organiza un ano máis o Touporroutou, a tradicional cita do Entroido de Foz, que se celebrará este domingo, 3 de marzo, ás 21:00 horas, no salón de actos do Colexio Martínez Otero.
O espectáculo do Touporroutou deste ano correrá a cargo, como en edicións anteriores, do grupo Touporroutou Teatro, encabezado por Tono Veiga, que declamarán, cantarán e recitarán todas as coplas populares entregadas polos veciños. Ademais contarán coa colaboración das pandeireteiras da asociación A Subela e o grupo de música Os Kentaquis.
A Pomba do Arco solicita aos veciños e veciñas de Foz a súa participación para que esta actividade poida seguir realizándose, e nese senso os animan a que acheguen as súas coplas depositándoas nas caixas que a tal efecto están colocadas en diferentes bares e cafeterías da vila. Nesta ocasión a asociación deixou urnas nos seguintes locais de hostalería: Acuario, Ribeira, Muelle Bar, Lar, Chícaro, Eskina, Barrilete, Anduriña, Pizzería Xoíña, May Ros e Pachán.