A programación cultural de Ribadeo para esta última semana de agosto inclúe unha exposición de esculturas, un recital de poesía, música, unha malla, un espectáculo para os máis pequenos e cine ao aire libre.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anunciou que “despois de termos visto a actuación de Migallas Teatro no parque de San Francisco este pasado martes, dispoñémonos agora a contemplar as esculturas de César Castaño na Sala de Exposicións de Turismo. Esta exposición vai ser inaugurada este xoves, 24 de agosto, e vai permanecer aberta ata o 23 de setembro”.
O edil nacionalista contou que “este mesmo xoves, ás sete da tarde, vai haber un recital de poesía de escritoras e escritores da veciña comarca asturiana do Eo-Navia. Poemas e algún que outro texto en prosa van ser recitados por varios dos seus creadores ou, no seu caso, por persoas que se ofreceron voluntarias para darlles voz. É un acto organizado pola A.C. Francisco Lanza. Terá lugar no parque de San Francisco ás sete da tarde”.
Farruco Graña dixo que “xa o venres 25 ás dez da noite, e tamén no parque de San Francisco, a Banda Municipal de Música de Ribadeo vai realizar o seu tradicional Concerto de Bandas Sonoras. Agardemos que Frank Sinatra non teña que botar man do paraugas. En todo caso, xa saben, de chover vémonos no Teatro”.
O concelleiro de Cultura salientou que “metidos na fin de semana, toca guateque. Como nos nosos tempos mozos, con pantalóns acampanados como mandan os canóns, gafas yeyés, tupé tan fino como frondoso, e con todo o garbo do mundo, guateque dos anos 60 e 70 a partir das oito da tarde no parque de San Francisco. É un acto organizado pola Comisión de Entroido, en colaboración con ACISA e o Concello de Ribadeo. Esta actividade está concibida, sobre todo para pasalo ben, pero ao mesmo tempo para recadar fondos para o Entroido 2018. ¡Xa case olen as filloas!”.
Graña engadiu que “mentres papás e mamás van picando algo no guateque, as pícaras e os o pícaros poden quedar vendo a actuación de Francesca Martella co seu Out of Blú. Tamén no parque de San Francisco ás oito e media da tarde”.
O edil ribadense subliñou que “no domingo poderémonos desprazar ata As Anzas e ver cómo se facía unha malla nos tempos de antes. É o Día da Malla, organizado polas veciñas e veciños das Anzas. Ademais de facer unha malla, haberá un xantar de confraternidade e xogos tradicionais”.
O concelleiro de Cultura adiantou que “o martes que ven, o día 29 de agosto, ás dez da noite no parque de San Francisco, proxectarase 1898, Los últimos de Filipinas. É unha actividade que forma parte dun proxecto da Academia de las Artes y de las Ciencias Cinematográficas de España para promocionar o cine español. Será presentado polo director, Salvador Calvo. Desde o Concello de Ribadeo agradecemos que a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas tomase como referencia Ribadeo para realizar esta actividade. Como sempre, de chover, vémonos no Teatro”.