A piscina municipal acollerá este sábado 31 de xullo, a Copa Galega de Salvamento e Socorrismo nas categorías cadete (13 e 14 anos) e absoluta (14 anos en diante).
A cita, na que participarán medio cento de deportistas de 8 clubs galegos, foi presentada hoxe polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, polo edil de Deportes, David Rodríguez, e polo director deportivo da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo de Galicia, Daniel Vila.
A competición desenvolverase durante toda a xornada, e horario de 10:00 a 12:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas.
Os participantes mediranse a nivel individual en diferentes probas de obstáculos, remolque con aletas ou arrastre de boneco, entre outras modalidades.
Tal e como precisou o responsable da federación “trátase dunha cita moi importante para definir os integrantes da selección galega que nos representarán no Campionato de España por Autonomías que se disputará o 24, 25 e 26 de setembro en Castellón”.
Villlares e Rodríguez recordaron que aquí “en Cervo dispoñemos dunhas instalacións privilexiadas, únicas na provincia, e das poucas que hai en Galicia destas características; con todo o equipamento necesario que fan da nosa piscina un emprazamento de categoría para poder acoller probas como esta; aínda que nesta ocasión a competición, dadas as circunstancias sanitarias terase que desenvolver a porta pechada”.
Está prevista a participación do Club Acuático Umia, do Club Salvamento Arteixo, do Club Salvamento Vilagarcía, do Club Salvamento Carballo, do Club Natación Cerceda, do Club Acuático Laracha, do Club Salvamento Ourense e do Club Salvamento Sada.