Burela acolle unha exposición fotográfica titulada No colo da esperanza, do fotoxornalista Felipe Carnotto que se pode visitar ata finais de decembro en horario de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas na Casa da Cultura.
Segundo explican desde a Concellería de Inmigración e Cooperación “a mostra foi realizada polo fotoxornalista Felipe Carnotto en 2015 na denominada Ruta dos Balcáns. As fotografías están protagonizadas principalmente por rapazas e rapaces que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, na busca dun futuro próspero en Europa”.
O vindeiro 18 de decembro o propio reporteiro guiará ás e aos estudantes a través da exposición. Na mesma xornada a partir das 11.30 horas desenvolverase o espectáculo teatral O valo, creado o ano pasado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co fin de impulsar a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas. “O valo está escrito en homenaxe a todas as persoas refuxiadas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos”, engaden desde a Concellería de Inmigración e Cooperación.
E subliñan que “estas actividades teñen como obxectivo concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas e encádranse no plan de sensibilización promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Burela”.