Os días 9 e 10 de xuño disputarase na vila o XV Torneo de Fútbol Base Benxamín e Prebenxamín, que organiza a SD Ribadeo. O evento foi presentado no Concello. Ao acto asistiron o concelleiro de Deportes, David Rivas, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, a presidenta da SD Ribadeo, Sandra Nonide, e outros representantes deste club ademais do técnico municipal de Deportes e do xerente da Asociación de Comerciantes.
No torneo prebenxamín, que se disputará o sábado, daranse cita 21 equipos, que xogarán entre as dez da mañá e as dez da noite no estadio municipal Pepe Barrera e no campo do CEIP Gregorio Sanz. A final está previsto que se dispute ás nove da noite.
E no torneo benxamín o domingo participarán 27 equipos. O torneo terá lugar entre as 10:30 e as 17:45 horas, momento no que dará comezo a final. Haberá ademais concursos de penaltis, porteiros, afeccións e tiros de medio campo, así como un partido exhibición de miniprebenxamín.
Algúns dos equipos que estarán esta fin de semana en Ribadeo chegan procedentes de Cantabria, Extremadura, Portugal e de diferentes cidades e localidades de Asturias e Galicia, como Oviedo ou Lugo.