Os días 6 e 7 de outubro celébrase a Festa do Ramo no Alto do Cruceiro, en Xuances (Xove). No programa destaca a XI Festa dos Callos.

A Asociación Cultural e de Festexos Alto do Cruceiro organiza a Festa do Ramo, que terá lugar os días 6 e 7 de outubro. 

Despois de doce anos sen celebrarse esta festa desenvolverase no campo da festa Onofre Louzao, un recinto inaugurado hai uns tres anos en honra de Onofre Louzao, máximo promotor desta festa falecido hai catro anos. Este recinto está ubicado nas inmediacións do centro social Alto do Cruceiro, preto da estrada nacional Viveiro-Ribadeo. O campo da festa disporá de carpa e haberá aparcamentos na súa contorna.

No programa destaca a celebración da XI Festa dos Callos que terá lugar o venres 6 ás oito da tarde. O prezo da ración será de 5 euros. A partires das once da noite haberá baile amenizado pola orquestra Gran Parada e unha disco móbil.

O sábado 7, ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne e procesión, e ás 14:00 horas terá lugar unha sesión vermú a cargo do grupo Pekados. Ás 18:00 horas haberá un partido de solteiros contra casados, no campo anexo ao da festa, e ás 22:30 horas verbena co grupo Pekados e o grupo D´Moda.