O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiron hoxe á colocación dunha campá no Fuciño do Porco que forma parte dunha iniciativa de promoción turística impulsada conxuntamente polos concellos do Vicedo e Portomarín. Tamén estiveron os respectivos alcaldes, Jesús Novo e Juan Serrano.
Así, o novo elemento instalado hoxe, procedente dun barco pesqueiro, irá acompañado dunha placa que advirte de que aqueles que toquen a campá adquiren a “obriga” de visitar Portomarín. Neste municipio xa hai outro sino idéntico que anima a ir ao Vicedo.
Arias destacou o feito de que ambos municipios se puxesen dacordo para impulsar “esta singular iniciativa” que, de seguro, vai incentivar o “tránsito de visitantes entre os dous concellos, entre o interior e A Mariña”. Ás veces, lembrou, “ideas aparentemente sinxelas, son capaces de provocar movementos inesperados pola súa dimensión. Estamos a ver exemplos tódolos días. Ogallá que esta colaboración se faga viral e esperte a curiosidade de moita xente”, apuntou.
Arias dixo que “é unha boa idea, un xeito distinto de chamar a atención dos potenciais visitantes” sobre “a impresionante paisaxe e os recursos naturais dunha provincia que o ten case todo para converterse nun destino turístico de primeira orde” . Ás veces, engadiu, “non é preciso gastar centos de miles de euros para conseguir resultados sorprendentemente satisfactorios. Espero que esta colaboración entre O Vicedo e Portomarín se converta nun exemplo do que todos poidamos presumir dentro dun tempo”.
Amosouse convencido, de feito, de que as miles de persoas que visitan o Fuciño do Porco ou a multitude de peregrinos que pasan cada ano por Portomarín, sentirán “canto menos curiosidade” por coñecer “o outro extremo desta nova ruta que acaba de nacer”.