A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, participou esta mañá na presentación da programación da Semana Santa de Mondoñedo, que organiza a Venerable Orde Terceira de San Francisco, en colaboración co Concello e entidades locais. Durante o acto, no que tamén participou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a rexedora quixo agradecer o compromiso que anualmente amosan os veciños e voluntarios que se involucran na celebración dunha Semana Santa, a que definiu de “bela e singular” e que este ano conta cun programa que inclúe novidades, como é a celebración dunha nova procesión o 23 de marzo, Venres de Dores.
A Semana Santa de Mondoñedo é organizada pola Fraternidade Local da Venerable Orde Terceira de San Francisco, fundada en Mondoñedo, o 24 de febreiro de 1734. Esta celebración foi declarada de Interese Turístico Galego polo Consello da Xunta no ano 2017, debido ao seu gran recollemento, á participación popular nas procesións, á súa austeridade e ao alto valor cultural do entorno no que se celebra, así como grazas ás imaxes de gran valor que participan nas procesións dos séculos XVII, XVIII e XIX.
A rexedora asegurou que se está ante unha celebración dun gran valor relixioso e histórico e que constitúe ademais un reclamo turístico que dende o Concello sempre buscamos potenciar e que grazas á implicación e ao traballo dos veciños “acadou a distinción de ser declarada Festa de Interese Turístico Galego”, polo que “debemos seguir coidando e promocionando esta celebración”.
Programa
A Venerable Orde Terceira presentou o programa que comezará o mércores, 21 de marzo, coa lectura do pregón, ás 20:45 horas, na Casa da Xuventude e que pronunciará o Mons. Luís Ángel de lasHeras, CMF, bispo de Mondoñedo-Ferrol. Actuará o coro Mestre Pacheco de Mondoñedo.
En canto aos actos litúrxicos:
O Venres de Dores, 23 de marzo, ás 10 da noite. Esta nova procesión, coa imaxe da nosa Sra. dos Dores da Igrexa Nova, iniciarase na Igrexa Nova e seguira por Cristo, Concepcionistas, Progreso, Alfonso VII e con chegada de novo á Igrexa Nova. Con esta procesión comezan os actos a celebrar da Pascua Mindoniense, “de recollemento de fieis, de artísticas imaxes, solemne e de moita austeridade. Unha maneira de participar e de sentir a devoción relixioso dos mindonienses”, explican dende a organización.
O Domingo de Ramos, 25 de marzo, ás 11:30 horas iniciarase a procesión na Igrexa de Santiago ata a Catedral, onde se celebrará a Misa da Paixón do Señor e a Bendición de Ramos.Ás 19:00 horas na Capilla da Alcántara celebrarase o Viacrucis e ás 19:30 horas é a Procesión do EcceHomo.
O Martes Santo, 27 de marzo, celébrase ás 11.00 horas, na Catedral a misa Crismal. Preside a Eucaristía e Consagra Don Luís Ángel de las HerasBerzal, bispo da diocese, xunto con membros do presbiterio asistentes.
O Mércores Santo, 28 de marzo, é o Vía Crucis de Penitencia con saída da procesión ás 19.00 horas do Santuario de Nosa Señora dos Remedios e as 19.30 horas será o viacrucis dende a Capela de San Blas aos Picos.
O Xoves Santo, 29 de marzo, Día do Amor Fraterno e da Eucarística Adoración do Santísimo, ás 17:00 horas, na Catedral será a celebración da Cena do Señor; ás 21:00 horas, é a Procesión do Prendimiento, dende os Muíños. Ás 23:00 horas, na Catedral, é o acto da Hora Santa.
O Venres Santo, 30 de marzo, ás 10:30 horas, é a procesión do Santo Encontro, que se celebra na zona da Fonte Vella. Ás 12:00 horas, ViaCrucis no claustro da Catedral. As 17:00 horas, misa da Celebración da Pasión do Señor e, ás 18.00 horas, Procesión do Santo Enterro, que sae da Catedral; mentres que ás 21:00 horas, é a Procesión da Soedade, que tamén sae da Catedral e durante a cal se pode escoitar o Plorans do Mestre Pacheco, que soamente se pode executar en Mondoñedo e na Capela Real de Madrid.
O Sábado Santo, ás 23:00 horas, é a Vixilia Pascual coa bendición do fogo e procesión co Cirio Pascual na Catedral, ademais do canto da Angélica, Bendición da Auga, renovación das promesas bautismais, canon é bendición papal.
O Domingo de Resurrección, día 1 de abril, misa na Catedral ás 12 horas, que preside o sr. bispo.
Agradecementos
Dende a Venerable Orde Terceira tamén quixeron poñer en valor que son moitas as persoas comprometidas con esta orde, “dende mozos e non tan mozos da banda de cornetas e tambores, aos levadores e lavadoras que portan as imaxes, como as damas que locen as súas mantillas acompañando á virxe; ao igual que as monxas Concepcionistas que se entregan nos bordados e confección de traxes. A todos eles e a todas as persoas anónimas que continúan coa tradición de acompañar en procesión á imaxes, así como a entidades públicas e privadas que colaboración desinteresadamente para celebrar a Semana Santa, queremos trasladar o noso agradecemento”, aseguran.