O Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, presenta na Pontenova a obra de teatro titulada “O traballo de Andrea”, orixinal de Ignasi García Barba, con tradución e adaptación de Ramón Casas Oroza. Será na Casa da Cultura este domingo, 15 de setembro, ás 19:00 horas.
“O traballo de Andrea” é unha obra sobre o papel que xoga a xente nova na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e a postguerra. Andrea é unha moza que está preparando a súa tese de doutoramento. Para iso decidiu facer un traballo de investigación sobre o destino que correron os exiliados da súa vila ao final da Guerra Civil. A súa intención é reunir as súas vivencias e propor ás autoridades que lles fagan algún tipo de homenaxe. “O traballo de Andrea” é un drama. O drama no que se ve metida unha rapaza que o único que busca e descubrir a verdade. O drama dunha vida que está empezando e que se ve envolta nun mundo de segredos que ninguén quere, aparentemente, desvelar. E ao mesmo tempo, o drama do seu mundo persoal, no que tamén hai segredos difíciles de asumir.