O XI Festival Bal y Gay desenvolverase do 8 ao 23 de agosto en diferentes localidades da Mariña

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este venres na presentación da XI edición do Festival Bal y Gay, que se celebrará en diferentes escenarios da comarca da Mariña entre o 8 e o 23 de agosto e que conta cunha colaboración por parte da institución provincial de 12.000 euros. Neste acto de presentación, que se desenvolveu no CENIMA focense, tamén participou a Presidenta da Mancomunidade da Mariña Lucense e Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López Hermida,e o Presidente da Fundación Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeiras, entre outras autoridades. 

Carmela López avanzou que “este encontro de música clásica é xa un auténtico referente no panorama artístico, non só da comunidade galega, senón tamén no resto de España” e sinalou que “a comarca da Mariña converterase no epicentro da música clásica, grazas aos 12 concertos que se inclúen nesta programación e que interpretarán artistas de renome nacionais e internacionais”.

Así mesmo, a Deputada subliñou que “este evento permite que os veciños e veciñas se acheguen á música clásica a través de actuacións dun nivel excepcional e que, ademais, se realizan en escenarios e lugares de alto interese patrimonial”. Nesta liña, Carmela López recordou a aportación económica que achega a institución provincial para a organización desta iniciativa e que supón un total de 12.000 euros. 

López Moreno aproveitou a súa intervención para poñer en valor o “importante labor divulgador” que desenvolve a Fundación Bal y Gay, posto que “puxo en marcha destacados proxectos como o Sinfónico no Rural ou o MariñaEncanto, un encontro coral que reuniu en Burela a máis de 250 cativos e cativas da comarca”.

Programación
O 8 de agosto terá lugar ás 19.00 horas no Pazo do Conde de Fontao de Foz o primeiro concerto desta décimo primeira edición do Festival Bal y Gay e que interpretará un dos grandes cuartetos de Europa Elias String Quartet. O 9 de agosto, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo actuará o violinista armenio Sergey Khachatryan. Seguidamente, o grupo Nereydas ofrecerá dous concertos, o primeiro deles terá lugar o 10 de agosto ás 20.30 horas en Viveiro, e o 11 de agosto ás 20.30 horas en Ribadeo. 

No concello de Foz, o conxunto Música Ficta tocará o 14 de agosto ás 21.00 horas; e o 15 de agosto o pianista Martín García ofrecerá un concerto baseado na música de Chopin ás 20.30 horas na Basílica de San Martiño de Foz. En Burela, actuará a soprano Ruth Prieto o 16 de agosto ás 20.30 horas, e o 17 de agosto ás 21.00 horas en Mondoñedo estará a Orquesta Sinfónica do Principado de Asturias. O 19 de agosto ás 21.00 horas en Lourenzá actuará Katharina Konradi & Cosmos Quartet e o 20 de agosto en Alfoz tamén se poderá escoitar aCosmos Quartet ás 20.30 horas. 

Os dous últimos concertos desta programación terán lugar en Cervo o 21 de agosto ás 20.30 horas, interpretado porAndré Cebrián, e pechará o Festival a Orquesta Sinfónica de Galicia o 23 de agosto ás 21.00 horas na Catedral de Mondoñedo.