O Teatro ribadense acollerá o 26 de agosto a charla "Un galeón na ría de Ribadeo, novos achádegos e perspectivas". Será impartida por Miguel San Claudio.

O Concello organiza a charla Un galeón na ría de Ribadeo, novos achádegos e perspectivas. Será impartida polo doutor Miguel San Claudio o 26 de agosto ás oito da tarde no Teatro. O obxectivo pasa por difundir os resultados das prospeccións realizadas no galeón afundido na ría ribadense hai catro séculos. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, contou que “continuando coas accións levadas a acabo dentro do proxecto Retornos do pasado para o estudo e difusión da cultura marítima de Ribadeo, o Concello organiza a charla, Un galeón na ría de Ribadeo, novos achádegos e perspectivas, impartida polo Doutor Miguel San Claudio e onde darán a coñecer o resultados das prospeccións realizadas na ría dende o inicio do proxecto. Terá lugar o día 26 de agosto ás 20 horas no Teatro de Ribadeo”.

O edil ribadense explicou que “haberá ademais unha segunda xornada, o 3 de setembro, no Clube Náutico de Ribadeo onde, a partires das 8 da mañá, se levará a cabo unha charla e visitas guiadas no xacemento arqueolóxico na ría de Ribadeo. Para poder acudir será necesario inscribirse con anterioridade e contar con título de mergullo e seguro. As inscricións pódense facer na Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo, chamando ao teléfono  982128650 ou no email adl@ribadeo.org. En caso de non ter seguro poderase solicitar para ese día”.

Vizoso Galdo salientou que “a ría de Ribadeo conta cunha riqueza arqueolóxica recoñecida, o que lle aporta un gran valor engadido á nosa contorna natural, e aínda que é un dos recursos máis importantes da nosa zona tamén pode ser un dos máis descoñecidos. Por ese motivo, ao longo dos últimos tempos, fixéronse tarefas de investigación entre as que se encadra o proxecto financiado polo GALP Retornos do pasado, que pretende a recuperación de pezas de interese patrimonial para o seu posterior estudo”. 

Para o concelleiro de Desenvolvemento Local “esta será unha oportunidade para coñecer de primeira man o que hai na nosa ría e os segredos que esta  agocha da man dun experto en arqueoloxía submarina”.