O Teatro das Cortes, no Vicedo, ofrece poesía e marionetas os días 30 e 31 de agosto

O Teatro das Cortes, que está no lugar de Xestoso, de Cabanas (O Vicedo) ofrece poesía e marionetas os días 30 e 31 de agosto, venres e sábado, con entrada de balde. Estas actividades están organizadas pola Asociación Cultural Volta e Dálle.

O venres 30 ás 19 horas Marica Campo, Tareixa Campo, Olga Novo, Miguel Anxo Mato Fondo, e Xulio Pardo de Neyra participarán no recital poético titulado “Dos fíos desta casa arruinada. Encontro galego pola memoria e versos para vivirmos as horas espidas do silencio: anarquismo, mátria e xeometría”.

E o sábado 31 ás 17 horas comezará unha tarde dedicada á xente miúda e ao teatro de monicreques. A asociación Morreu o Demo trae a exposición titulada “Onde foi Barriga Verde?” e un obradoiro de construción de marionetas de papel con Larraitz Urruzola e Anxo García. E ás 20 horas haberá o espectáculo “Xan Perillán e a Maleta Máxica”, da compañía Os Monicreques de Kukas.