O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anima a asistir a estas citas.
O edil ribadense contou que “logo da presenza do grupo Ollomao en Rinlo, este pasado domingo, o ciclo Cultura nas parroquias fai unha pequena maratón por outros lugares esta fin de semana”.
Farruco Graña explicou que “dúas compañías representan tres espectáculos. Por unha banda, Rilo & Penadique, e pola outra uns vellos coñecidos en Ribadeo, Os sete magníficos máis 1. Dúas actrices nun caso e dous actores noutro irán a Couxela, Remourelle, Cinxe, Vilela, Vilaselán e ao Círculo Habanero da Devesa. A maiores, a sesión do domingo pola mañá terá lugar no hospital asilo de Ribadeo”.
Graña dixo que “se van poñer carteis nas parroquias e nos locais onde vai haber actos para que todo o mundo estea enterado”.
O concelleiro de Cultura seguiu a relatar que “as obras teñen por título O pozo das señoras, Bivalvos coma galegos e Dous pallasos en máis apuros. Aínda que os espectáculos son para todos os públicos, as sesións da tarde van ter unha versión máis adaptada a familias con nenas e nenos de 3 aniños en diante. Neste senso estas obras que se van adaptar para os máis pícaros inclúense dentro do programa Apego no que participa o Concello de Ribadeo”.
O concelleiro agradece ás asociacións de veciños dos lugares onde van ter lugar as representacións pola colaboración prestada para desenvolver este ciclo.
As representacións para esta vindeira fin de semana comezarán o venres, día 4, ás 17:30 horas, no Teleclub de Couxela, con Rilo & Penadique que representará O pozo das señoras. Este grupo tamén estará o venres, ás 21:00 horas, na Escola de Remourelle.
O sábado, día 5, ás 17:00 horas, na Escola de Cinxe, o grupo Rilo & Penadique representará a obra adaptada dentro do programa Apego de O pozo das señoras. E ás 20:00 horas, na Escola de Vilela, terá lugar a representación desta mesma obra.
E finalmente o domingo, 6 de maio, ás 11:00 horas, no hospital asilo, haberá sesión de Contacontos de Pedro e Fran. Ás 17:00 horas en Vilaselán, poñerase en escena Dous pallasos en máis apuros dentro do programa Apego. E ás 20:00 horas, no Círculo Habanero da Devesa, presentaráse a obra Bivalvos coma galegos.