O vindeiro sábado, 21 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura de Burela, terá lugar o concerto de Airiños da Freba como parte da programación da delegación municipal de Cultura.
Galardoados nos Premios Martín Códax da Música 2022, estes lucenses con máis dunha década de traxectoria farán vivir aos asistentes unha viaxe no tempo aos anos 30, 40 e 50 do século pasado, co seu repertorio orixinal inspirado na música dos conxuntos desa época.
En discos como ‘O’ de Lacón’ (2017) e ‘Con grelos’ (2020) amosan a súa música 100% tradicional da provincia de Lugo, coa que farán bailar ao público ao tempo que reivindican o noso patrimonio etnomusical.
A billeteira abrirá ás 18:00 horas, e o concerto, apto para todos os públicos, comezará ás 19:00. O prezo da entrada será de 4 euros.