O restaurante O Forno de Tovar, no municipio de Lourenzá, acolle unhas xornadas gastronómicas dedicadas á raza Galiña de Mos, que están organizadas pola granxa Chousa do Lea. Comezaron hoxe, venres, e desenvolveranse ata o día 22 deste mes, de mércores a domingos en horario de comidas e os venres e sábados tamén para as ceas.
As xornadas foron presentadas polo propietario da granxa Chousa do Lea, José Zapata, criador dos produtos que se degustarán nas xornadas, e polo xerente e xefe de cociña de O Forno de Tovar, Jorge López.
Jorge López explicou que durante as xornadas ofrecen “un menú degustación con tres pratos e sobremesa. De primeiro servirmos un prato frío, o segundo é de galiña de Mos con peixe e o terceiro é galo de Mos elaborado ao estilo tradicional. Ademais hai distintas sobremesas, todas elas elaboradas con ovos da raza Galiña de Mos. Tamén se poden degustar os pratos do menú degustación por separado”.
O restaurante O Forno de Tovar está no Pazo de Tovar, en Pacio número 1, Santo Tomé (Lourenzá). E o teléfono para reservar é o 619.652.545.