O programa Escola de Familias volve a Barreiros con seis obradoiros do 25 de xaneiro ao 14 de xuño

O Concello de Barreiros pon en marcha unha nova edición do programa educativo Escola de Familias, unha iniciativa que busca proporcionar ferramentas e recursos ás familias para afrontar o reto da educación das crianzas. Este ano o programa desenvolverase en colaboración co colectivo Educando en Familia e contará cun total de seis obradoiros gratuítos que terán lugar nos colexios do municipio.

Os obradoiros son os seguintes: A corresponsabilidade na familia, o 25 de xaneiro de 11:00 a 12:30 horas no CEIP de San Cosme; Construíndo unha autoestima sa en nós e nas nosas crianzas, o 15 de febreiro de 11:00 a 12:30 horas no CEIP de San Miguel; Relacionámonos con afecto, o 15 de marzo de 11:00 a 12:30 horas no CEIP de San Cosme; As habilidades sociais e a comunicación: como ter asertividade?, o 26 de abril de 11:00 a 12:30 horas no CEIP de San Miguel; O xogo e os xoguetes: o sexismo comeza no ocio, o 24 de maio de 11:00 a 12:30 horas no CEIP de San Cosme; e A violencia entre iguais: como detectala?, o 14 de xuño de 11:00 a 12:30 horas no CEIP de San Miguel.

As inscricións para participar no programa xa están abertas. Para formalizala débese acudir ao Concello de Barreiros. Tamén se pode descargar previamente desde a web municipal: www.concellodebarreiros.gal

A concelleira de Educación e Igualdade, Montse Porteiro, destacou a importancia deste programa e desde o Concello de Barreiros animan a todas as familias interesadas a participar “nesta iniciativa que ofrece ferramentas útiles e prácticas para afrontar os desafíos educativos actuais”.