A XXIX edición da Festa da Faba de Lourenzá, declarada de Interese Turístico Galego, celebrarase dos días 4 ao 6 de outubro.
O venres 4 ás 19:00 horas na sala de exposicións terá lugar a inauguración do stand do Concello de Ponteceso, invitado nesta edición. Ás 19:30 horas actuará o grupo Clave de Fado; e ás 20:30 horas no Centro de Interpretación da Faba, dará comezo a cata comentada de viño que correrá a cargo da adega Regina Viarum, de Sober (D.O. Ribeira Sacra).
O sábado 5 ás 11:00 horas procederase á apertura da XXIX Festa da Faba. As casetas de fabeiros estarán instaladas na praza Conde Santo, a demostración e exposición de artesáns situaranse nas prazas e rúas da vila, e a exposición dos traballos do II Concurso Artístico Infantil estará no acceso á sala de exposicións. Ademais haberá feira exposición de automoción e vehículos agrícolas no Campo dos Bolos, e a V edición Vespafaba & Clásicos na rúa Fernández del Riego.
Tamén o sábado 5 ás 12:00 horas terá lugar o pregón que pronunciará Manuel Román Ramos e de seguido procederase á inauguración da XXIX Festa da Faba por parte da alcaldesa, Rocío López. Ás 13:00 horas na praza Linares Rivas ofrecerase unha degustación popular da faba de Lourenzá e de viños da adega Regina Viarum. Ás 16:30 horas celebrarase a X Carreira Popular Val das Fabas; e ás 17:00 horas, haberá un partido de fútbol xuvenil entre os equipos de Lourenzá e A Pontenova. Ás 21:00 horas ofrecerá un concerto o grupo Astarot e ás 23:00 horas comezará a verbena co Dúo Epo-K.
O domingo 6 ás 8:30 horas no Mercado comarcal terá lugar a apertura do mercado da faba ao por maior e ás 10:00 da mañá das casetas dos fabeiros na praza Conde Santo. Ás 11:00 horas iniciaranse as actividades, haberá demostración de artesanía de xoguetes e un obradoiro de cociña infantil. Ás 13:30 horas, na praza Linares Rivas, ofrecerase unha degustación popular de faba de Lourenzá.
Pola tarde ás 17:30 horas celebrarase o partido de fútbol de 1ª Autonómica entre Lourenzá e Folgueiro. Ás 18:30 horas terá lugar unha xuntanza folclórica na que participarán a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez, e Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, e de seguido procederase á clausura da XXIX edición da Festa da Faba.
Durante eses días un tren turístico realizará o percorrido pola Ruta da Fabas e os establecementos hostaleiros ofrecerán pratos elaborados con esta leguminosa.