Veciñas e veciños de seis concellos lucenses participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación. Son en total preto de 140 persoas dos municipios de Meira, Riotorto, Guitiriz, Begonte, Barreiros e Paradelaas que, dende este martes e ata o venres, percorrerán a provincia con estas viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro, co obxectivo de fomentar o coñecemento do propio territorio e favorecer o turismo de proximidade.
Este martes, membros da Asociación Local de Pensionistas e Xubilados de Meira, e da Asociación de Veciños de Santa Marta de Meilán, de Riotorto, viaxan á Mariña e á Ribeira Sacra. Os primeiros comezaron a súa ruta no Pazo de San Marcos, onde o grupo foi recibido por PabloRivera, Deputado de Promoción Económica e Social, antes de continuar cara Pantón e Carballedo. Por outro lado, os do colectivo de Riotorto partiron a súa viaxe da Granxa Gayoso Castro da institución provincial, onde foron saudados polo Deputado de Recursos Sostibles, Carlos López. Posteriormente, puxeron rumbo á costa lucense para visitar no municipio de Cervo a Fábrica de Sargadelos e o Museo do Mar en San Cibrao.
O mércores será protagonista de novo A Mariña. Escolares do Colexio de Lagostelle, de Guitiriz, e membros da Asociación Veciñal os Milagres Saavedra, de Begonte, desprazaranse ata Burela, Foz e Cervo despois de coñecer os segredos do mundo televisivo na Produtora de Audiovisuais, e o traballo e as instalacións da Granxa Gayoso Castro da institución, respectivamente.
Para rematar a semana, o venres a Asociación Benéfico Cultural Hijos de San Miguel de Reinante, de Barreiros, e a Asociación Cultural e Xuvenil Castro de Rey de Lemos, de Paradela, partirán do Centro de Interpretación Terras do Miño para realizar as súas viaxes, onde serán recibidos polo Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro. Os representantes do colectivo bairreirense coñecerán en Monforte o conxunto histórico de San Vicente do Pino e a Torre da Homenaxe; o Colexio do Cardeal con visita guiada e o Centro do Viño da Ribeira Sacra. No caso dos mozos e mozas do colectivo cultural de Paradela, achegaranse a Burela e Foz, onde visitarán o barco-museo boniteiro Reina do Carmen e as praias dende o paseo marítimo de Peizás e Llás.
Máis de 1.230 persoas de 55 entidades da provincia percorrerán este outono a provincia, ata o 7 de novembro, con este programa que a Deputación puxo en marcha co obxectivo de que a veciñanza coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio. Ademais, promóvese a actividade en meses nos que os negocios e recursos turísticos teñen menos fluxo de visitantes, o que dinamiza este sector tan importante para a economía da provincia de Lugo.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.