A Deputación de Lugo continúa co programa Actívate e adáptase á nova normativa sanitaria cun aumento de prazas para todas as actividades. Todas as propostas realizadas ao aire libre contan, dende esta fin de semana, con 15 prazas, 7 máis que ata o de agora. Actívate é unha iniciativa da Deputación para promover o turismo activo, científico e mindfulness nos concellos da provincia, favorecendo deste xeito a recuperación do turismo, a hostalería e o comercio despois do impacto da pandemia.
Este sábado realizouse na Serra do Xistral a única actividade nocturna do programa, Os increíbles ceos do Xistral, que permitiu dar a coñecer os estrelados ceos deste espazo natural. Hoxe domingo, o Castro de Viladonga acolleu unha proposta para descubrir este espazo histórico, Aventura no Castro de Viladonga. Estas actividades, que arrancaron en maio, levaranse a cabo todas as fins de semana deste mes xuño.
Ata o de agora, as iniciativas tiveron unha gran acollida e esgotaron as prazas nas primeiras xornadas tras a apertura de inscrición. As persoas interesadas en participar nas próximas iniciativas deste programa poden inscribirse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/activate. Para máis información poden chamar ao teléfono 982.260.011 ou enviar un correo electrónico a atuaprovincia@deputacionlugo.org.
Próximas actividades
As actividades do programa Actívate das próximas semanas son as seguintes:
XUÑO:
- 12 de xuño: Sendeirismo Castelo de Pambre e torrentes do Mácara, Palas de Rei
- 13 de xuño: Surfeando na costa da Mariña, en Foz
- 19 de xuño: Introdución ao Tai Chí, en Guntín
- 20 de xuño: Descubrindo as pegadas da fauna, na Fonsagrada
- 26 de xuño: Sendeirismo na Mariña occidental, no Vicedo
- 27 de xuño: Kaiak no río Eo, en Trabada