O pavillón polideportivo de San Cosme acolleu esta tarde a presentación do equipo de fútbol sala feminino Praias de Barreiros, que xogará a vindeira tempada na liga provincial. O acto contou coa presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, e do alcalde barreirense, Alfonso Fuente.
Despois de presentarlles ao equipo chegou a quenda de discursos. Na súa intervención Susana López Abella dixo: “como secretaria xeral de Igualdade estou moi contenta de que me convidarades a vir xunto co vicepresidente da Xunta, de quen depende a Secretaría Xeral de Igualdade, para darvos apoio de todo tipo, moito ánimo e noraboa. Seguro que vamos ter moitas alegrías, con moitos esforzos, non vai ser un camiño de rosas, xa o sabedes vós, sobre todo o adestrador, Modesto. Pero estamos seguros de que ides dar moito que falar e poñer a Barreiros, deportivamente falando, ao máis alto nivel”.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que “encántame ver como vai para arriba o deporte feminino en xeral, e especialmente o fútbol e o fútbol sala. O outro día vimos as imaxes do estadio abarrotado, supoño que hai uns anos era impensable que un partido feminino tivera tanto seguimento. E de repente nos encontramos con que, pouco a pouco e supoño que con moitos equipos como este e como moitas mulleres que vos dedicades a facer deporte exactamente igual que os homes chegamos aquí. A partir de aí a ver o que sodes capaces de facer. Sempre digo que o deporte é un dos sitios onde máis se ve a igualdade porque gañan os que son mellores, non depende doutra cousa. Polo tanto estamos encantados de que esteades aquí e que teñades moita sorte e que vaia moi ben a próxima temporada”.
O rexedor, Alfonso Fuente Parga, desexoulle sorte ao equipo: “sorte e adiante. A ver se nalgún momento nos pode pasar que os éxitos, como no caso do Burela, cheguen máis da sección feminina que da masculina. Seguro que vai ser así”.
A presentación desta tarde rematou cunha foto de grupo. Ao acto asistiron a directiva do Praias de Barreiros, así como concelleiros e concelleiras da actual Corporación Municipal.