O Pavillón da Veiga, en San Ciprián, será o escenario este sábado do III Torneo Concello de Cervo de Tenis de Mesa, organizado polo Club Deportivo San Ciprián en colaboración coa Administración local.
A cita foi presentada pola tenente alcalde Dolores García Caramés, o edil de Deportes, David Rodríguez, polo coordinador da sección de Tenis de Mesa do CD San Ciprián, Fernando Fernández, e polo xogador local Estéfano Berruezo.
A competición contará con medio cento de participantes procedentes de diferentes clubs de Galicia e Asturias. Está previsto que comece ás 10:00 horas e prolongarase durante toda a xornada do sábado. Haberá trofeos para os catro primeiros clasificados.
Tal e como precisaron Caramés e Rodríguez “este torneo é o colofón para unha tempada perfecta do club local de Tenis de Mesa que conforman 8 xogadores; que veñen de firmar o ascenso a Terceira Nacional permanecendo invictos ao gañar os 16 partidos xogados”.
Rodríguez tamén quixo poñer en valor o traballo que o C.D. San Ciprián están a facer coa base “creando canteira que permitirá que San Ciprián siga a ser un referente no mundo do tenis de mesa na provincia e en Galicia”; xa que nestes intres están a adestrar 16 nenos e nenas de entre 6 e 9 anos.
A sección de tenis de mesa do C.D. San Ciprián comezou a participar en torneos no ano 1993, logo dun longo parón, retomaron a competición no ano 2018; chegando a acadar ese ascenso a Terceira Nacional nesta tempada.