
O Mercadiño no Nadal de Barreiros, que se celebrará este domingo, día 8 de decembro, de 11h a 20 horas inclúe numerosas actividades, como actuacións musicais, degustación, obradoiros e sorteos.
O Concello anuncia o programa de actividades: “ás 11:00 horas apertura dos postos coa actuación do grupo de gaitas da A.F. O Arco da Vella; ás 12:00 horas o grupo Condensadores de fluzo seguirá co fío musical do Mercadiño; de 12:00 a 14:30 horas contaremos cunha food truck da Federación de razas autóctonas de Galicia (Boaga), na que degustaremos distintas elaboracións realizadas con produtos de produtores locais (Faba de Lourenzá con Galiña de Mos, croqueta de cordeiro de raza Ovella Galega e hamburguesa de poldro de Pura Raza Galega); será de balde previa compra nalgún dos postos do mercadiño; ás 16:00 horas será o taller de coroas de Nadal impartido por Pamela, de Musgo & Nordés (Con inscrición previa ata completar aforo, no Concello desde este mércores e o propio domingo no posto solidario); ás 17 horas repartiremos conos de flocos de millo para quen os queira; ás 17:30 horas realizaremos un obradoiro para as crianzas, no que elaborarán manualidades de Nadal; ás 18:00 horas voltaremos coa música en directo, co grupo Os Ildefonsos, que no seu repertorio interpretarán panxoliñas; remataremos o Mercadiño no Nadal ás 20:00 horas co sorteo de dúas cestas de produtos dos postos”.
Tamén destacan: “durante todo o día teremos aberto o posto de Libros Solidarios, no que o recadado por cada libro será destinado á asociación “Somos, Unidos por el cáncer”, coa que colaboramos nos mercadiños do ano 2024” e desde o Concello de Barreiros agradecen “a colaboración da Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo” e animan a “visitar, mercar e a desfrutar deste último mercadiño do ano”.
Ademais anuncian que “ese día a partir das 18 horas tamén poderemos disfrutar do alumeado de Nadal, que estará acendido desde o xoves 5 de decembro”.