Burela acollerá este sábado, 13 de outubro, un adestramento de fútbol gaélico aberto ao público en xeral. Será no campo de fútbol de A Marosa a partires das 19:00 horas.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, dixo que “dende a Delegación de Deportes de Burela queremos anunciar que o sábado vai ter lugar un adestramento de fútbol gaélico nas instalacións do campo de fútbol da Marosa ás sete da tarde. A Asociación Galega de Fútbol Gaélico púxose en contacto comigo como concelleiro para levar a cabo este adestramento”.
O edil explicou que “nos parece unha moi boa idea. É un deporte novo que ademais temos a sorte de contar con deportistas de Burela que están na selección e practicando esta disciplina. Vimos unha oportunidade tamén para achegar un pouquiño esta modalidade deportiva a todos os veciños que estean interesados en ver o funcionamento desta nova modalidade”.
Fernández Rey quixo “darlles as grazas tanto á Asociación Galega de Fútbol Gaélico como á Sociedade Deportiva Burela, que tamén está un pouco involucrada neste tema. Darlles as grazas por darnos a oportunidade e por achegar este deporte a Burela. Esperemos que sexa un éxito e que a participación da xente sexa a máxima posible”.