O Foro Social da Mariña organiza unha mesa redonda titulada “Sanidade pública: temos alternativas”. Será o martes 30 de xaneiro ás 20:00 horas no Salón Multiusos de Viveiro.
A organización explica que “o Foro Social da Mariña quere expresar os anceios das xentes que sofren as eivas do noso sistema de saúde. O Foro Social da Mariña quere axudar a devolver esperanza e repetir nestes tempos que na nosa terra temos os recursos, as persoas e os coñecementos para recuperar a participación e a proximidade na asistencia sanitaria”.
Ademais anuncian os participantes na mesa redonda: “Bernardino Pardo Teijeiro é médico de familia en Lugo e o seu traxecto vital representa un exemplo e un guieiro para os sanitarios, un amigo para os seus pacientes, ... Aos seus coñecementos e á súa experiencia xunta a humanidade que hoxe invocamos. Monserrat Porteiro Sánchez é enfermeira de Atención Primaria en Foz. Coordina a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública da Mariña , é a nosa bandeira neste camiño pola mellora da atención sanitaria. Inmaculada García Arroyo, médica pediatra en San Cibrao e excooperante internacional, vainos aportar, como fixo en Burela durante a pandemia, os seus coñecementos na atención pediátrica e na xestión de crises sanitarias”.