O Foro Social da Mariña inicia o 20 de decembro en Foz un ciclo sobre a memoria histórica

O ciclo comeza o vindeiro venres, 20 de decembro, cunha conferencia – coloquio no CENIMA, de Foz, ás 19:30 horas, co título de “Verdugos invisibeis e vítimas coñecidas”, na que o catedrático de historia contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto, falará dun asunto incómodo, dun pasado incómodo e dun enfoque incómodo: “Levamos tres décadas ocupándonos das vítimas das matanzas, pero non dos verdugos. Algúns historiadores iniciamos hai uns anos o xiro perpetrador para identificar as lóxicas dos verdugos, a razón da matanza que perpetraron ligada ao golpe; a súa identidade e as formas que tiveron de agocharse e difuminarse no relato, pero tamén borrando as pegadas do seu crime durante a ditadura…ata hoxe”. 

O Foro Social a Mariña entende que estamos a vivir nun tempo onde afloran relatos que pretenden dulcificar e mesmo ensalzar o réxime ditatorial construído a raíz do golpe de estado de 1936. Nun tempo no que a ultradereita está a implementar unha estratexia de branqueo e loubanza do franquismo, nun contexto de avance dos totalitarismos na Europa e no mundo; e nunha sociedade na que e o “pacto de silencio” e a desmemoria cumpriron unha función solapadora das atrocidades e responsabilidades derivadas dun réxime ditatorial. 

O ciclo sobre a Memoria Histórica desenvolverase ao longo do exercicio 2025, coincidindo cos 50 anos da morte do ditador.