O FestivalEo de Alimentación Sustentable inicia a súa andaina en Ribadeo os días 23 e 24 de setembro.

Medio Rural da Deputación de Lugo impulsa o FestivalEo da Alimentación Sustentable, que se celebrará o venres 23 e o sábado 24 en Ribadeo co obxectivo de promocionar e poñer en valor a alimentación e a artesanía de proximidade.  

A deputada Mónica Freire explicou que “se trata dunha iniciativa transversal dentro das liñas estratéxicas impulsadas dende a área de Medio Rural da Deputación de Lugo, xa que procura a redución da dependencia de materias primas do exterior dadas as condicións que se están dando tanto dende o punto de vista de cambio climático coma da escaseza nos mercados internacionais”.

“Debemos ser capaces de camiñar cara a soberanía alimentaria, fundamentalmente dende a produción primaria agraria. Actividades tan dinámicas como o propio Festival Eo de Alimentación Sustentable ou proxectos como a plataforma de comercio electrónico dos produtos agroalimentarios de toda a provincia: “Son de Lugo”, que impulsamos dende a área de Medio Rural da Deputación de Lugo, deben constituír o motor que fagan mudar a nosa realidade”, afirmou Mónica.

“Só deste xeito poderemos fomentar a viabilidade de novos procesos de emprendemento no rural, consolidando o consumo de alimentos de calidade diferenciada, de proximidade, con canais curtas de distribución, e cunha baixa pegada de carbono, fixando ademais a poboación no noso territorio”, concluíu.

Producións agrarias e artesáns da Mariña e do Occidente asturiano

O FestivalEo conxuga a actividade comercial con propostas formativas e lúdicas, coas que se busca sensibilizar sobre a necesidade de consumir alimentos de proximidade que ofrecen calidade e que  teñen detrás a pequenos produtores e produtoras, vinculados ao territorio e comprometidos coa conservación do medio natural.

O evento reuniráunha vintena de producións agrarias e artesáns da Mariña e do Occidente asturiano, así como proxectos asociativos que traballan no ámbito do consumo e da sensibilización ambiental. Así, entre as participantes figuran Son de Lugo, As Fadegas, Ribeiregas, El Cabillón, El Bosque de Wayra, Breogainas, Acueo Ostras del Eo, Grupo de Consumo As Grelas, La Casa Azul, Fundación Edes, Argaia Biocosmética, Artesana Sana, Observatorio Mariña Pola Igualdade, Ferrado Marelo, Colmenas do Navia Eo, Quiastolita, Ecohorta Da Costa e Eólicos Na Mariña, Así Non.

Programa

Aprogramación iniciarase o venres 23 cunha axenda de actividades que inclúe xogos tradicionais, un obradoiro de “smoothies” e unha palestra sobre actualidade vinculada á alimentación, a partir das 17.30 h. no Parque de San Francisco. A xornada continuará cunha ruta de tapas elaboradas con produtos agroecolóxicos e de proximidade na que participarán os establecementos Kalpa Amodiño, Cafetería Breoghan, A Tapería, Cafetería La Lira, Restaurante El Oviedo, Restaurante Costa Verde, Mesón O Alén, e que contará coa ambientación musical na rúa coa Charanga A Choca.  

A segunda xornada, o sábado 24, comezará ás 11.00 h. no Parque de San Francisco cunha feira de alimentación e artesanía de proximidade que se poderá visitar durante todo o día. Na mañá do sábado poderase tamén participar en dous obradoiros (de cociña e de agroecoloxía) tras os que terá lugar a sesión vermú, amenizada pola Agrupación Amigos da Gaita de Ribadeo.

Entre as 14.00 e as 17.00 h. celebrarase un xantar popular e pola tarde volta a programación coa performance “1 faba 1 vida”, de Ugia Pedreira e Marina Oural, así como cun espectáculo de circo infantil e unha palestra na que se poderán coñecer proxectos similares a Eo Alimenta que teñen lugar noutros territorios. O festival rematará co concerto do grupo local Piratas Sónicos.  

Eo Alimenta

O FestivalEo da Alimentación Sustentable encádrase dentro do proxecto Eo Alimenta, unha iniciativa que reúne persoas produtoras e consumidoras,  grupos de desenvolvemento rural, sindicatos agrarios e concellos da Mariña e do Occidente Asturiano co obxectivo de impulsar modelos de produción, distribución e consumo sostibles e de proximidade, e que conta tamén co apoio decidido de Medio Rural da Deputación de Lugo.