O Día do Xubilado de Burela celebrarase o vindeiro 23 de abril, segundo deu a coñecer nesta xornada a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López.
A cita será no pavillón dos Institutos a partires das 14 horas. Alí desenvolverase a comida e o baile. Antes haberá unha recepción na Casa da Cultura a partir das 12:30 horas. Aquelas persoas que o precisen disporán de autobús para achegarse ao xantar, que sairán ás 13:30 horas.
A edil de Servizos Sociais manifestou que “a celebración do Día do Xubilado é unha xornada que potencia as relacións entre as persoas maiores do noso concello, por iso a importancia desta celebración, que cumpre a XXII edición. Dende o goberno local agardamos que sexa un día especial no que compartan momentos de diversión e entretemento”.
Poderán participar no Día do Xubilado aquelas persoas que estean empadroadas en Burela, que teñan 65 anos cumpridos ou 60 cumpridos sempre e cando sexan pensionistas do Sistema da Seguridade Social e poderán acudir acompañadas polo seu cónxuxe.
O prazo de inscrición para anotarse estará aberto do 3 ao 12 de abril na Casa do Concello de Burela.