O Concello ven de presentar a súa nova aplicación de turismo denominada RibadeoXQSi, coa que o usuario poderá gozar da máxica tranquilidade e beleza do municipio, da súa cultura, da gastronomía, de paisaxes inesquecibles e praias-museo salpicadas de esculturas creadas por séculos de erosión, convérteno nun lugar inesquecible.
O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, dixo que “esta app turística, é unha ferramenta ao servizo do viaxeiro a través da que pode dispoñer de toda a información turística de interese sobre o concello, un territorio excepcional que grazas á riqueza e diversidade do seu patrimonio e á súa gran oferta de servizos, lle permitirá deseñar e promover unha gran cantidade de propostas que fan de Ribadeo un lugar onde gozar da natureza e desconectar da rutina diaria”.
O edil ribadense indicou que “a través desta nova ferramenta o usuario poderá coñecer os principais recursos turísticos do municipio encadrados en seis rutas que combinan o patrimonio e cultura, como a ruta do Ribadeo Indiano ou a do Ribadeo ilustrado, coa natureza a través de paisaxes inesquecibles como o Camiño Natural – Ruta do Cantábrico ou as XeoRutas. Trátase de preto dun cento de recursos xeoreferenciados para facilitar a súa visita, dos que se ofrece unha completa información acompañada dunha audioguía para mellorar a experiencia”.
Vizoso Galdo contou que “tamén se ofrecen diversas propostas vinculadas ao turismo natural que permiten coñecer a sobresaliente e excepcional riqueza xeolóxica e paisaxística da nosa costa e da nosa ría. A través da Guía de Ocio incluída na app, os usuarios poderán coñecer o máis de medio centenar de empresas de turismo activo e de natureza que operan en Ribadeo e que permiten gozar desta incrible contorna”.
O concelleiro de Turismo explicou que “e se Ribadeo destaca pola calidade dos seus establecementos turísticos e sobre todo dos seus restaurantes e locais de tapeo, non podía faltar unha completa guía de servizos que agrupa a máis dun cento de establecementos turísticos de aloxamento e restauración, que permiten gozar da calidade e bo facer da infraestrutura de servizos existentes no noso concello, e que poñen en valor o papel de Ribadeo como destino gastronómico de primeiro nivel”.
Pablo Vizoso engadiu que “a nova app RibadeoXQSi atópase dispoñible para sistemas Android e IOS e é accesible en dous idiomas, galego e castelán, contribuíndo a completar a oferta existente e centrada na natureza coa app denominada RibadeoXNatural e que ofrece dez percorridos guiados polos principais recursos naturais e paisaxísticos do concello de Ribadeo”.