O Concello de Viveiro presenta unha App que permite ver en 3D as antigas portas da vila

O Concello de Viveiro presentou este venres a súa nova APP, que permite experiencias inmersivas en 3D coa recreación das tres portas desaparecidas da antiga muralla: a das Angustias, a de Santa Ana e a de San Antonio. Na presentación estiveron a alcaldesa e responsable da área de Turismo, María Loureiro; Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, que aportou documentación e datos ao proxecto; o arquitecto municipal, Santiago Meitín, e a técnica da oficina de Turismo, María San Isidro, que tiveron un papel importante no proxecto.

“Un novo paso para ofrecer servizos dixitalizados e de calidade aos nosos veciños e veciñas, en primeiro lugar, e tamén a todas as persoas que nos visitan durante o ano”, explica María Loureiro.

O Concello acadou unha subvención, tramitada pola Xunta no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Con ela, Viveiro desenvolveu o seu proxecto ‘Viveiro Medieval’, que consiste nun portal web de realidade aumentada e xeoposicionamento, coa integración do panel de xestión integral da App, en funcionamento dende decembro do 2023, e a creación destas novas experiencias inmersivas en 3D que poñen en valor o noso pasado medieval, renacentista e moderno grazas a recreación das tres portas desaparecidas da antiga muralla: a das Angustias, a de Santa Ana e a de San Antonio. “Neste caso proxectáronse no aspecto que terían a finais do século XVIII segundo distintas fontes documentais, e tamén recreáronse as portas da Vila e a do Valado, onde se poden ver tramos da muralla que percorría todo o perímetro do centro histórico. A todo isto súmase tamén o alzado exterior da igrexa de Santa María do Campo”, engade a alcaldesa de Viveiro.

As recreacións engloban tanto as propias portas como o entorno onde estaban situadas: a porta das Angustias e a súa proximidade á ponte do río Labrada, a porta de Santa Antonio e os alfolís (almacéns reais de sal onde se gardaban e vendías a sal estancada con privilexios reais), e adosado a ela o baluarte defensivo cun pequeno patio onde facían instrución, e a porta de Santa Ana moi próxima ao convento de Santa Domingo, todo elo fronte ao alxibe.

A situación actual das portas desaparecidas sería a seguinte: Porta das Angustias, na rúa Irmáns Vilar Ponte, esquina coa praza de Juan Donapetry (Pontelabrada); a Porta de San Antonio en Avenida de Cervantes, esquina con Margarita Pardo de Cela (A Ribeira); e a Porta de Santa Ana en García Dóriga con Pastor Díaz (praza de Lugo).

Coa App ViveiroAR, presentada en decembro, na que se xeoposicionan diferentes recursos turísticos do municipio, “dispoñemos dun tótem en 3D da Puerta de Carlos V e o novo proxecto que hoxe presentamos”, remata Loureiro.

Na páxina web de Viveiro Turismo pódese atopar a WebAR e desde alí acceder á App e disfrutar de todo o contido.