O Concello de Viveiro organiza a celebración dos Maios para o alumnado de primaria e infantil este venres, 31 de maio

O Concello de Viveiro organiza, a través da Concellería de Educación, a celebración dos Maios para o alumnado dos centros de ensino de primaria e de infantil.

Este venres, día 31, está previsto que o CEIP Santa Rita de Galdo, o CEIP Lois Tobío, o Centro de Ensinanza CPR Landro, o CEIP de Covas e a Escola de Educación Infantil San Roque -uns 530 alumnos aproximadamente xunto cos seus profesores- participen nun encontro na Praza Maior para celebrar unha tradición de Viveiro como é a dos Maios. Haberá un desfile que sairá da praza, indo pola rúa Margarita Pardo de Cela, subindo pola avenida de Cervantes, seguindo pola rúa dos Irmáns Vilar Ponte e baixando por Teodoro de Quirós de novo cara a praza. Unha vez de novo na praza, cada grupo de cada colexio fará a súa homenaxe ao mes de maio, seguida dunha merenda para a rapazada. Ás 13:00 horas volverán aos seus centros de ensino.

"Dende o Concello estamos moi agradecidos pola colaboración de todos os centros de ensino, incluíndo a do colexio de Celeiro, que non poden acudir este ano por ter outras actividades programadas para ese día, pero que son asiduos ás actividades do Concello e da Concellería de Educación", sinala o concelleiro Jesús Fernández Fernández.