O Concello de Viveiro publicou as bases do III Premio de Novela Vilar Ponte, un certame que naceu coa finalidade de lembrar aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte e, asemade, apoiar e difundir a literatura en lingua galega.
Tras o éxito das dúas primeiras edicións, o Concello viuse na obriga de aprazar o ano pasado a terceira, debido á situación sanitaria derivada da pandemia do coronavirus
Como en anos anteriores, tanto a extensión como a temática das obras é libre e cada orixinal será presentado en catro copias en papel, sen firma pero con título e lema en sobre pechado.
“Estamos moi satisfeitos pola calidade e a cantidade dos exemplares recibidos no 2018 e no 2019, as dúas edicións foron un éxito e queremos consolidar o premio dentro do escenario da literatura galega”, afirmou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O prazo de presentación acabará o próximo 31 de xullo e o lugar para enviar os orixinais será o Concello de Viveiro. Haberá un primeiro premio de 4.000 euros e un segundo de 1.000 euros, coas súas correspondentes placas e diplomas. O acto de entrega será no Teatro Pastor Díaz.
Natalia Carou Figueira, con ‘O mal querer’, foi a gañadora da pasada edición, mentres que na estrea o xurado elixiu ‘Matar o heroe’, de Adolfo Caamaño.
As bases completas poden consultarse en www.viveiro.es