O Concello de Viveiro celebra que unha comisión se encargue da organización das festas patronais de San Roque de 2025, que se celebrarán os días 14, 15 e 16 de agosto, en coordinación coa administración municipal.
“Estamos encantados de que un grupo de xente moza colla as rendas destes tres días de festas”, explica a alcaldesa, María Loureiro, quen mantivo unha reunión cos membros da comisión como primeira toma de contacto para traballar no calendario festivo.
Así, as festas patronais coordinaranse cos actividades culturais que o Concello de Viveiro organiza no mes de agosto, como a Feira do Libro ou a Feira de Artesanía, ademais daquelas nas que colabora, como a Mostra Folclórica Internacional ou o desfile de Xigantes e Cabezudos.
Na seguinte reunión, na que participará a concelleira de Cultura, Lara Fernández, a nova comisión de festas presentará un proxecto a partir do que empezar a traballar nesa coordinación.
O Concello de Viveiro, un dos poucos nos que a organización das festas patronais non corría a cargo dunha comisión, xa fixera un chamamento para cambiar esta situación e saúda a iniciativa destes mozos.