O Concello de Viveiro acolleu o acto de presentación do cartel da Semana Santa 2022, unha homenaxe á Irmandade do Prendemento polo 75 aniversario da súa fundación.
“Supoño que todos estamos dacordo en que a Semana Santa de Viveiro será este ano realmente emotiva e especial, despois da dura pandemia de coronavirus que nos tocou vivir”, afirmou a alcaldesa, María Loureiro.
A programación da Semana Santa incluirá todas as procesións e actos habituais, esperando que poida celebrarse con normalidade a respectando por suposto as medidas e recomendacións sanitarias que se atopen en vigor.
“Quero trasladarlles a miña noraboa, e falo en nome do conxunto da corporación, a todos os cofrades da Irmandade do Prendemento por estes primeiros 75 anos de vida, agradecéndolles o seu traballo incansable desde 1947 para manter esta tradición secular”, apuntou a alcaldesa.
O autor do cartel é José Manuel Paleo Fernández, que leva tamén moitos anos inmortalizando a Semana Santa. “Quero por suposto animar a todos os cofrades e colaboradores da Semana Santa, despois do parón destes dous anos, a retomar a tradición máis antiga que ten Viveiro e arrimar todos o ombreiro para seguir consolidando esta celebración”, manifestou Loureiro.
Para vivir de novo con todas as súas tradicións a Semana Santa de Viveiro, “a Xunta de Cofradías traballa desde hai meses de forma incansable, polo que nunca lles estaremos o suficientemente agradecidos”, rematou a alcaldesa.