A Área de Turismo do Concello organiza durante a Semana Santa 7 percorridos guiados a través do importante patrimonio natural e cultural de Ribadeo. As visitas serán de balde e as prazas limitadas, segundo anunciou o concelleiro Pablo Vizoso Galdo.
O edil ribadense explicou que “esta Semana Santa a Área de Turismo do Concello de Ribadeo organiza 7 percorridos guiados a través dos que se poderá descubrir o noso importante patrimonio natural e cultural. Trátase dunha serie de rutas, para todos os públicos, nas que se mostrarán aspectos moi diversos tanto dende o punto de vista natural como cultural”.
Pablo Vizoso contou que “dende o punto de vista natural darase unha ampla visión do importante patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral. Así organizamos tres Xeorutas, 2 saídas para facer a dos Arcos e unha para a dos Ollos”.
A edición especial da Xeoruta dos Arcos terá lugar os días 30 e 31 de marzo (martes e mércores). O concelleiro de Turismo subliñou que “esta edición singular realizarase aproveitando as mareas vivas destes días. Polo tanto, nestas condicións poderase disfrutar dun paseo xeolóxico continuo percorrendo os diferentes areais que se atopan entre As Catedrais e Xuncos, traxecto que discorrerá en todo momento pola area, e que nos mostrará tesouros pétreos ocultos que o resto do ano permanecen agochados polo mar”.
O inicio da Xeoruta dos Arcos o martes, 30 de marzo, será ás 9:45 e rematará ás 12:15 horas. E a do mércores dará comezo ás 10:15 e concluirá ás 12:45 horas. A saída será desde o Punto de Información Turística da Praia de As Catedrais. Recoméndase levar escarpíns e traxe de baño, ademais de roupa e calzado adaptados ás condicións meteorolóxicas.
A Xeoruta dos Ollos está programada para o 1 de abril de 17 a 20 horas. Vizoso dixo que “as persoas que fagan esta Xeoruta gozarán dos tesouros xeolóxicos deste treito litoral do fermoso pobo mariñeiro de Rinlo”. O punto de encontro: praza de Santa Catarina en Rinlo.
O concelleiro de Turismo seguiu a relatar que “estas visitas serán de balde, pero con prazas limitadas (8 persoas + guía). É preciso reservar en https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/. Manteranse todas as medidas hixiénico sanitarias por mor do covid19”.
Pablo Vizoso engadiu que “desde a Área de Turismo tamén organizamos dous roteiros guiados e interpretados polo noso patrimonio cultural para poder gozar en cada recuncho da vila. O 2 de abril (venres) ás 17:30 horas haberá un percorrido polo Ribadeo Indiano para dar a coñecer a súa pegada. O 4 de abril (domingo) ás 11:30 horas será a segunda saída deste percorrido. O punto de encontro estará situado diante da Oficina de Turismo de Ribadeo. E o 1 de abril (xoves) e o 3 de abril (sábado) haberá un percorrido polo Ribadeo Ilustrado. O primeiro día sairá ás 17:30 horas e o segundo día ás 11:30 da mañá. O punto de encontro tamén será a Oficina de Turismo de Ribadeo”.
O concelleiro de Turismo indicou que “estas visitas tamén serán de balde, pero con prazas limitadas (8 persoas + guía). É preciso reservar en turismo@ribadeo.org. E manteranse todas as medidas hixiénico sanitarios por mor do covid19”.