A Concellaría de Turismo anuncia que duplica desde hoxe o persoal encargado de informar aos visitantes que se acheguen durante esta Semana Santa ás oficinas de turismo da vila e da praia das Catedrais.
A edil Ana Martínez contou que “desde o Concello de Ribadeo, e para atender a demanda que se poida dar durante estas datas de Semana Santa, a partires de hoxe mesmo imos reforzar os servizos de información turística. Ata o momento tiñamos unha persoa na praia das Catedrais e outra na oficina de Ribadeo. Pois a partir de hoxe contaremos co dobre de persoal, catro persoas para atender esa posible e importante demanda de visitantes que se poidan achegar durante estes días ao noso concello”.
A concelleira de Turismo dixo que “tamén queremos reforzar un pouco o servizo que damos non soamente de información, senón de actividades e de posibilidade de disfrutar durante estes días do noso entorno. Así durante o xoves, venres e sábado teremos uns roteiros guiados que sairán da praia das Catedrais, a partires das dez da mañá, para ir bordeando a costa e coñecer todo o noso litoral cara Rinlo. Dende alí se volverá en tren de novo ata a praia das Catedrais, tamén un pouco para reforzar esa proposta importante que pode ser Feve para vinculalo ao turismo na nosa comarca”.
Ana Martínez engadiu que “tamén durante estes días xa están abertos os baños públicos da praia das Catedrais”.
A edil ribadense quere “animar á xente que xa está aquí, no noso concello, na nosa comarca, a que disfrute de cantas actividades hai propostas para estes días porque se ben en Ribadeo temos moitas, poden ademais de estar aloxados no noso concello ou de vir visitarnos, disfrutar de todas as actividades que temos arredor de nós, que son moitas, en toda esta comarca da Mariña e do occidente asturiano”.