O Concello pon en marcha o programa Píllara no que van participar 1.300 alumnas e alumnos dos centros de ensino de Ribadeo entre o 27 de marzo e o 9 de abril. O edil de Turismo, Pablo Vizoso, subliñou que se trata dun programa novidoso e interesante que xirará arredor do cambio climático e da creación artística. Vaise desenvolver en diferentes escenarios como o Forte de San Damián, o auditorio municipal, a Casa do Viejo Pancho, os propios centros de ensino, a Escola Municipal de Música ou nas rúas peonís. Píllara conta co financiamento do Concello de Ribadeo e da Área de Mocidade da Deputación de Lugo.
O concelleiro ribadense na súa intervención no salón de plenos dixo que “hoxe xuntámonos aquí para presentar Píllara, un programa tan novidoso como interesante e en cuxo financiamento participamos o Concello de Ribadeo e a Área de Mocidade da Deputación de Lugo. Agradecemos a presenza de representantes dos centros de ensino de Ribadeo: Ceip Gregorio Sanz, Ceip Sagrado Corazón, IES de Ribadeo Dionisio Gallamlo, CIFP Porta da Auga, que se sumaron de maneira total a esta iniciativa e sen cuxa axuda Píllara perdería practicamente o seu sentido. Aproveito para recoñecer tamén o labor de produción de todo este programa, do noso veciño de Foz Mano Panforreteiro, a través de Mira quen vén, que actúa de intermediario entre todos os axentes da proposta”.
Vizoso Galdo lembrou que “a interacción do Concello de Ribadeo cos centros de ensino non é de agora. O programa O Concello cos Coles desenvolve desde hai anos durante o curso escolar diferentes actividades que emanan das diferentes áreas: Cultura, Igualdade, Mocidade, Deporte, Turismo, Servizos Sociais ou Medio Ambiente. Rapazas e rapaces poden deste xeito ver como se fan os queixos, recibir a visita do escritor ou escritora favorita, ver unha función de teatro, coñecer a última película galega ou saír para coñecer o noso patrimonio arquitectónico e natural… Todas son actividades que buscan ser un complemento ao bo facer do profesorado na súa materia. Píllara leva aparellado tamén o compromiso e acción do Concello co medio ambiente. Neste caso coa continuación da recuperación da vexetación de ribeira”.
O edil de Turismo sinalou que “Píllara, que colle o nome deste paxariño que podemos ver nas praias, vincula o cambio climático e a creación artística. O programa desenvólvese en dúas semanas, do 27 de marzo ao 9 de abril. Na primeira faise o traballo co alumnado dos centros de ensino. Arredor de 1300 rapaces e rapazas, entre os 3 e os 17 anos, participarán en 43 sesións interdisciplinares arredor do cambio climático desde o punto de vista medio ambiental, artístico e cultural. E xa na segunda semana terán lugar as actividades abertas a todo o público. Son varios os escenarios elixidos para levar adiante Píllara: Forte de San Damián, auditorio municipal, Casa do Viejo Pancho, os propios centros de ensino, a Escola de Música e tamén hai unha acción polas rúas peonís da vila”.
Pablo Vizoso explicou que “en Píllara hai dous axentes. Por unha banda, o alumnado e público xeral. E pola outra, os artistas e os investigadores e investigadoras científicas. Estes últimos son: Teresa Jareño Querejeta, autora da instalación sonora que permanecerá de principio a fin do proxecto nas salas do forte San Damián; a actriz María Roja, ao mando da acción performativa que terá lugar nas rúas de Ribadeo; o grupo Oreka TX e Banda, que ofrecerán concertos e a súa experiencia con instrumentos de xeo, nesta parte musical participa a formación MBIRA DÚO, da que forma parte a nosa veciña ribadense Irene Rodríguez Mon; as investigadoras e investigadores vinculados ao CSIC Luísa Martínez Lorenzo, Diana Zúñiga e Nicolás Villacieros falarannos dos últimos achados na cuestión do cambio climático. E finalmente, Andoni Canela presentaranos a través da súas expedicións e da súa mirada en fotografía e vídeo o reto que o cambio climático supón para toda a humanidade e as conexións e a proximidade real entre o Cantábrico e o Ártico”.
O edil nacionalista engadiu que “como pode deducirse do dito, Píllara é un proxecto ambicioso e necesario, no que a administración pública, neste caso un Concello e unha Deputación, teñen todas as razóns para apoiar”.
A presentación de Píllara tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ribadeo.