A Concellería de Cultura de Foz organiza o VI Festival de Voces Xóvenes, que nesta edición terá lugar na igrexa parroquial focense. A primeira actuación será mañá, venres, ás 20:30 horas e correrá a cargo do Coro do Colexio Sagrado Corazón de Ribadeo.
O concelleiro de Cultura de Foz, Ánxel Paleo, anuncia que “este venres, día 4 de maio, dará comezo o sexto Festival de Voces Xóvenes A Capella. A novidade este ano é que se traslada á igrexa parroquial”.
Ánxel Paleo explica que “este venres dará comezo co Coro do Colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo, ás oito e media. O venres 25 de maio, tamén ás oito e media, virá o Grupo Vocal Entrelas, da Coruña. Para pechar o festival o 1 de xuño ás nove da noite teremos o Coro da Escola de Música de Foz”.
O edil de Cultura en Foz salienta que “é un acontecemento que empezamos a facer e queremos darlle continuidade. A novidade de facelo na igrexa parroquial é porque o pediron os grupos, pois o son escóitase mellor que na Sala Bahía ou na Casa da Cultura. Espero que todos disfruten deste festival”.