O Concello de Foz organizará este venres, día 5, a chocolatada posterior á cabalgata dos Reis Magos na Sala Bahía, onde ademais haberá inchables para nenos e nenas. Previamente, desde as sete da tarde, os Reis Magos farán un percorrido que empezará na praia da Rapadoira e levaraos ata a Casa do Concello.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explicou que “como todos os anos o próximo día 5 pola tarde teremos a cabalgata de Reis no noso concello. Xa nos chamaron as súas maxestades para que avisemos a todos os rapaces e pais, que non van faltar á cita”.
O rexedor focense engadiu que “no Concello imos esmerarnos para que teñan unhas boas carrozas e que haxa unha boa cabalgata. Faremos a recepción, como se fai sempre, no Concello. Alí estará instalado o belén que organiza o colexio do Pilar e as súas maxestades dirixiranse desde o balcón a todos os nenos”.
Javier Castiñeira anuncia que “vai haber unha pequena novidade: a chocolatada que se facía antes no colexio Número 1 vai cambiar para a Sala Bahía, posto que é un sitio moito máis amplo. Vainos permitir tamén instalar unha carpa detrás, no patio, que nos posibilitará ter xogos inchables para os rapaces. Ademais os reis poderán estar alí tamén moito máis cómodos para recibir a todos os nenos e para que os pais poidan facer unha foto dos nenos cos Reis Magos nos seus tronos. Imos estar moito máis amplos e mellor ambientados que no colexio Número 1, que se estaba quedando moi pequeno para este evento”.
O alcalde anima a participar na cabalgata: “quedades todos os veciños de Foz e todos aqueles da Mariña que o desexedes convidados a pasar a tarde da véspera de Reis no noso concello porque non vai defraudar. Este ano a cabalgata terá varias novidades. Teremos o tren que puxemos xa o ano pasado e vai levar a todos aqueles nenos que o desexen, tamén irán as carrozas cheas de nenos, para o que hai que ir apuntando aos rapaces no departamento de Cultura do Concello, e algunha novidade máis que vai facer dese día unha xornada moi importante para nenos e pais no concello de Foz”.