O Concello de Burela organiza as Xeorutas do Perdouro e da Marosa do 11 ao 14 de abril. Ademais haberá unha ruta polos montes de Burela o día 15.

O Concello presentou este mediodía o programa de rutas que vai desenvolver durante a Semana Santa. Organizadas polas Concellerías de Turismo e de Medio Ambiente, terán lugar desde o martes, día 11 de abril, ao sábado 15.

Na presentación os responsables destes departamentos, Ramiro Fernández Rey e Noelia María Ben salientaron “a importancia destas rutas e o atractivo que poden supor para veciños e visitantes durante estes días na vila”.

O concelleiro de Turismo contou que “desde o Concello de Burela as Delegacións de Turismo e a de Medio Ambiente imos recuperar de cara a esta Semana Santa como un atractivo turístico máis, as rutas xeolóxicas. Vanse facer durante toda a Semana Santa, e como novidade imos ter unha ruta polos montes de Burela que se vai facer o día 15, sábado, ás cinco da tarde”.

Fernández Rey subliñou que “con isto pretendemos impulsar un pouquiño máis na Semana Santa o turismo en Burela e darlle un pouco máis de atractivo á vila”.

As xeorutas terán lugar desde o martes, 11 de abril, ata o venres, día 14. A saída desde a Oficina de Turismo, situada no porto de Burela, terá lugar ás 10:30 horas, agás o venres 14 que será ás 16:30 horas. O percorrido descorrerá pola zona do Perdouro o martes e o xoves, e pola Marosa o mércores e o venres. As inscricións deben facerse na Oficina de Medio Ambiente do Concello de Burela chamando aos seguintes números de teléfono 982 586 000 ou 982 580 867.

Este programa de rutas do Concello burelés rematará o sábado, día 15 de abril, cunha ruta polos montes de Burela. A distancia é de 7 quilómetros, ten unha dificultade media e actuará como guía Pedro Rolle. A saída será ás 17:00 horas da praza do Concello. As inscricións deberán facerse na Oficina de Medio Ambiente do Concello de Burela, o número de prazas está limitado a 30 e os participantes terán que ser maiores de 10 anos.

Barco Museo
Un dos atractivos turísticos de Burela é o barco museo Reina del Carmen, que estará aberto do 10 ao 16 de abril. As visitas realizaranse en varias quendas, serán en horario de 11, 12 e 13 horas polas mañás e de 17, 18 e 19 horas polas tardes.