O Concello convoca a sexta edición dos concursos de Debuxo e Pintura e Lemas 21 de marzo: Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial.
A concelleira de Inmigración e Cooperación, Angélica Gómez, subliña que “os obxectivos destes concursos son transmitir, a través de mensaxes curtas ou debuxos, a importancia da educación en igualdade e a necesidade de eliminar a discriminación racial, así como a súa prevención. As bases para poder participar nestes concursos pódense obter na Casa do Concello ou na sede electrónica da páxina web do Concello de Burela”.
No Concurso de Debuxo e Pintura haberá tres categorías: de 6 a 12 anos, de 12 a 18 anos, e maiores de 18 anos. Os menores terán que estar autorizados polo pai, nai ou titor. A técnica do debuxo é libre e a medida DIN A4. Cada persoa só poderá presentar un traballo, e haberá dous premios en cada categoría, valorados en 50 euros para o primeiro e 30 euros para o segundo.
No Concurso de Lemas haberá unha soa categoría, e os menores terán que ter a autorización do pai, nai ou titor. Cada participante poderá enviar un máximo de 5 lemas e estes deberán constar de sete palabras como máximo en lingua galega ou castelán. Haberá un primeiro premio valorado en 60 euros.
Os traballos, en ambos certames, deberán ser inéditos e non ter sido presentados en anteriores concursos. Terán que presentarse, en sobre pechado, de forma presencial na Oficina de Atención a Inmigrantes do Concello de Burela ou a través de correo postal ao enderezo: Concello de Burela-Programa de Atención a Inmigrantes, R/Eijo Garay-20, 27880 Burela-Lugo. O prazo de presentación remata o 22 de abril e o fallo do xurado darase a coñecer o 26 de abril, mediante chamada telefónica ou correo electrónico.
Os premios entregaranse nun acto público que se celebrará o día 6 de maio. Os dereitos do autor/a gañadores manteranse, pero cederanse gratuitamente ao Concello de Burela os dereitos de uso, reprodución e difusión, citando en todo momento a autoría do mesmo. Os traballos participantes poderán ser obxecto de exposición en espazos de relevo cultural, artístico e educativo do Concello de Burela.