O Concello de Alfoz anuncia que este sábado, día 31 de agosto, celebrarase de 18 a 20 horas unha festa de fin de tempada na piscina municipal de Alfoz. O evento contará con música e tobogán inchable “para o desfrute da veciñanza”.
“Xunto a esta actividade tamén se dará por finalizado o programa de Ludiverán e as Noites de Campamento 2024, poñendo punto e final ás actividades estivais organizadas polo Concello. Estas actividades foron todo un éxito, como demostra a alta participación e o entusiasmo mostrado por veciñas e veciños en cada unha delas”, explica o Concello de Alfoz.
Ademais o Concello de Alfoz anuncia que a vindeira semana publicarase a oferta de actividades para a apertura do CEIP, que incluirá os programas de Madrugadores, Ocio e Estudo e clases de Inglés polas tardes. Tamén se abrirá a inscrición para as Escolas Deportivas na modalidade de fútbol.
O Concello quere agradecer “a todos e todas pola súa participación e colaboración ao longo do verán e espera contar cunha gran acollida nas actividades que están por vir”.