O Complexo Regalxunqueira, en Viveiro, reabre as súas instalacións museísticas. Entre as mostras que se poden visitan está o Museo da Cerámica con obras de destacados ceramistas de todo o mundo como Miró, Tapies, Picasso, Emili Galassi e Carmen Perujo, entre outros. Neste Museo da Cerámica expóñense ademais unhas 200 obras de Otero Regal, dende o ano 1968 ata a actualidade. No edificio tamén pódese ver a historia da cerámica do norte de Galicia, dende a castrexa a Sargadelos, pasando pola alfarería tradicional, a primeira fábrica que coce en alta temperatura, a de Cucurni en Burela, e obras destacadas de ceramistas como Rosa Ramallo, Julia Ramallo, Misterio, Cuíña, Ouro, Manrique, Nacho Porto e Quique Guerra, entre outros. Ademais de pode ver unha colección de pezas descatalogadas de Regal Cerámicas e obras de finais dos 60 de Otero Regal.
Tamén se poderá visitar o Museo do Coiro, dado que Regalxunqueira está asentado sobre unha antiga curtiduría, no que se pode contemplar todo o proceso de curtición, a maquinaria que se empregaba para curtir as peles, o muíño de cáscara de carballo, etc…
Nos Souto das Esculturas, ubicado nos xardíns do complexo, encóntrase unha exposición colectiva onde predominan os bustos de mulleres, realizados en diferentes materiais. Ademais desde un lateral dos xardíns pódese ver como se elaboran as pezas de cerámica que comercializa Regal Cerámicas.
O horario para visitar os museos é de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 h. Haberá visitas guiadas ás 12:00 e ás 18:00 horas, de luns a venres, con reserva previa. O custe desta visita é de 3 euros, que se pode descontar na compra que se faga na tenda.
Os sábados pola mañá realizaranse, en horario de 11:00 a 14:00 horas, un curso de iniciación á cerámica onde todos os participantes farán unha peza de cerámica que, unha vez cocida, lles será entregada. Esta actividade terá un custe de entre 5 e 10 euros, dependendo dos materias que se empreguen, e tamén terá que ser con reserva previa no 982 56 25 89 ou en ceramica@oteroregal.com.
Os museos de Regalxunqueira están declarados como Conxunto Museístico dende o ano 2010, despois de tres anos de xestións coa Xunta de Galicia. Dada a situación actual debido ao coronavirus, solicítase a todos os asistentes o uso obrigatorio de máscara e desinfección das mans á entrada das instalacións.