A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro pon en marcha a partir deste martes 20 de Abril a Campaña do Dia da Nai con 1.500€ en premios. Tralo éxito da iniciativa posta en marcha para a campaña do Dia do Pai, na que se sortearon 5 caixas sorpresa Experience Comercio Local e outras 5 caixas sorpresa Experience Gastronomía local o CCH aposta por repetir o mesmo formato para a campaña do Dia da Nai.
Desde a asociación sinalan que “a campaña foi un éxito de participación motivado principalmente pola intriga que xerou o contido das caixas, e o importe en premios que tiña cada unha. Por iso nesta ocasión apostamos por seguir premiando a fidelidade dos nosos clientes con algo especial para celebrar nesta data, e sortearemos de novo 5 caixas sorpresa Experience Comercio Local e outras 5 caixas sorpresa Experience Gastronomía local. As caixas Experience comercio local están compostas por diferentes produtos e servizos dos negocios asociados ó CCHV, e as Caixas Experience Gastronomía Local conteñen unha experiencia gastronómica en familia en calquera dos negocios de hostalaría asociados ao CCHV”.
Serán un total de 1.500€ en premios, sendo o valor de cada caixa 150€.O contido detallado de cada caixa será unha sorpresa ata o momento no que se faga entrega ós gañadores.Os interesados poderán participar depositando un tícket de compra de mínimo 20€ nas urnas habilitadas en calquera dos negocios asociados ó CCHV. Permítese a acumulación de varios tíckets de cantidades inferiores ata sumar os 20€. Os tíckets serán válidos polas compras realizadas dende o martes 20 de abril ata o sábado 1 de maio. O sorteo realizarase o martes 4 de maio ás 16:00 horas nas oficinas da Asociación, e comunicaráselle de inmediato ós gañadores. No caso de renuncia ao premio, procederase á extracción dun novo tícket ata que apareza gañador.
“Os obxectivos perseguidos con tódalas campañas que pon en marcha a asociación, son por unha parte a de premiar a fidelidade dos clientes que apostan por mercar no comercio local, e por outra parte fomentar a unión de todos os comerciantes da zona para traballar en conxunto e dinamizar o comercio de Viveiro. As bases da campaña e toda a información pódese consultar na web www.viveirocentro.com, e no perfil de Facebook, Twitter e Instagram”, engaden desde o CCH.