O pavillón municipal de Ribadeo acollerá o vindeiro 25 de agosto un partido de fútbol sala feminino a beneficio da asociación Charcot Marie Tooth España.
O encontro será disputado polo Burela FSF e o Praias de Barreiros CD ás 18:00 horas. O prezo da entrada será de 3 euros. Atópanse á venda anticipada en Mayva Estétida e Galipizza en Ribadeo e tamén no bar A Ribeira en Barreiros.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “desde o Concello de Ribadeo estamos a carón de quen precise da nosa axuda e colaboración. Nesta vila temos unha veciña de 9 anos que padece esta enfermidade, que lle foi diagnosticada hai uns meses, e pareceunos unha moi boa iniciativa realizar en evento benéfico para darlle visibilidade e para recadar fondos que vaian destinados á investigación”.
O edil ribadense anima “á xente de Ribadeo, de toda a comarca da Mariña e do Occidente asturiano a achegarse o 25 de agosto ao pavillón municipal. Sexamos solidarias e solidarios. Unha moi boa causa está en xogo”.