A Concellaría de Cultura de Ribadeo programa para este domingo, 20 de decembro, unha actuación de Mamá Cabra que presentará A fraga do meu avó. Terá lugar no Auditorio Municipal ás 17:30 horas e o prezo da entrada é de 4 euros.
O espectáculo, dirixido ao público infantil e familiar, conta que a fraga do meu avó está chea de carballos que case tocan o ceo, castaños, bidueiros, loureiros, bieiteiros, abeleiras e moitas árbores que sempre deron moitísimo máis que madeira. Agochados entre eles andan paxaros como a pega marza, a estreliña do norte, o paporrubio real e a curuxa. E percorrendo os seus camiños están a píntega, os esquíos, o xabaril, o raposo…
A fraga do meu avó é o traballo máis recente de Mamá Cabra que nace do amor pola natureza e do compromiso pola terra que coidaron os nosos avós e as nosas avoas. Trátase dun espectáculo musical co que cantar e bailar en familia.
Está interpretado por Gloria Mosquera á voz e á guitarra; Javier Constela nos teclados; Carlos Freire nas percusións; Iago Rodríguez á guitarra e co ukelele; e Miguel González Vázquez, Gueorgui Oganesian, Nicolao Rodríguez López e Santiago González Álvarez, ao saxo, trombón e trompeta.