A consellería de Medio Ambiente e Vivenda, Ánxeles Vázquez foi a convidada de excepción na presentación en Lugo da Romaxe Viquinga do Vicedo unha cita de recreación histórica e cultural que terá lugar os días 26 e 27 de xullo nesta localidade da costa luguesa.
Na cita tamén estiveron presentes o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro e a deputada, Pilar García Porto en representación da Deputación de Lugo, quen coa Xunta colabora neste evento. Todos coincidiron en convidar ao conxunto da provincia a achegarse esta ponte ata a localidade para gozar con este evento tan singular que rememora o que puido ser a pegada viquinga na costa lucense.
Na presentación en Lugo, que tivo lugar na praza de acceso ao edificio administrativo da ronda da Muralla, a artista Andrea Pousa e o Bruxo Queiman interpretaron varias composicións musicais que volverán a soar esta fin de semana durante a cita festiva.
Programa da cuarta edición da Romaxe Viquinga
A cuarta edición da Romaxe Viquinga do Vicedo contará co tradicional desembarco e batalla no paraxe idílico da praia de San Román, a cita será o sábado 27, a partir das 12.30 horas. Pero o programa de actividades é moito máis amplo e inclúe desde pasarrúas, ata desfiles, postos de venda de artesanía e recreación de batallas entre os lugareños e as forzas conquistadoras.
A romaxe comezará o venres co pregón a cargo do afamado actor Serxio Pazos. Xa na noite do sábado, ás 22.30, terá lugar un espectacular enterro viquingo no que son protagonistas os fachos ardentes e tras o que terán lugar as actuacións dos grupos Perkusiona, Terras de Queimada (Bruxo Queimán) e un espectáculo de fogo a cargo do grupo Asacocirco baixo o título “Fire Perfomance”
Con cada edición a cita intenta mellorar e neste caso incorporará postos de restauración que permitirán gozar coa gastronomía tradicional da zona e que reforzarán, debido ao gran número de visitantes, a oferta propia da restauración local. Pero tamén este ano celebraranse de novo a ruta de tapas polos bares e unha nova edición dos cantos de taberna, así como distintas actividades con xogos tradicionais adaptados tamén para os máis novos.
Pola súa banda, a deputada provincial Pilar García Porto puxo en valor este evento de recreación histórica, que ademais de contar cunha ampla programación, impulsa o turismo do Concello o que supón un importante revulsivo económico para toda a comarca mariñá.