Pistacatro presenta Outono, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro este venres, 8 de decembro, ás 20:30 horas. A actividade ía celebrarse hai unhas semanas, pero quedou posposta para mañá.
Con motivo dos dez anos do nacemento de Pistacatro, esta compañía de novo circo galego da o seu mortal máis arriscado, Outono. Trátase dun novo espectáculo no que reúne aos seus fundadores para celebrar o máis difícil aínda, facerse maior.
Outono é unha homenaxe aos pallasos clásicos contada a través dunha compañía de clowns en plena crise. Un espello no que se miran os artistas e as súas personaxes, unha carpa caída onde se suceden as estacións. Outono é un espectáculo de teatro-circo con música en directo, que nos conta a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado. Unha celebración da amizade e dos fracasos, unha reivindicación de ser idiotas, unha mirada poética ao antigo oficio dos pallasos. Un reencontro cheo de emocións, verdade e humor.
Baixo a dirección de Antón Coucheiro, o elenco artístico está formado por Aitor Garuz, Manu Lago, Natalia Outeiro “Pajarito” e Pablo Reboleiro.