O 7 de maio terá lugar en Lourenzá unha xornada de formación sobre marketing dixital para axentes do sector turístico da Mariña

Avanzando nas accións trazadas no contexto do Plan de Sostibilidade Turística, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense vén de abrir a inscrición para participar na xornada de formación Novos retos e oportunidades no marketing dixital, dirixida principalmente a sectores vinculados á actividade turística no territorio da Mariña. O encontro terá lugar o 7 de maio no salón de actos do Concello de Lourenzá. As persoas interesadas poden inscribirse xa e ata o día 5.
 
A vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, explicou que “o encontro ten como obxectivo favorecer a formación e actualización de coñecementos dos profesionais dedicados ao sector turístico, tratando de aproveitar todas as posibilidades que nos brinda o mundo dixital cun obxectivo claro: favorecer o desenvolvemento da Mariña como destino de turismo sostible, innovador e competitivo”.

A xornada será impartida por un profesional con experiencia na formación, especializado en marketing e estratexias dixitais, que aproximará aos asistentes ao mundo dixital a través dun temario global que incluirá unha serie de temas clave. O obxectivo é coñecer ferramentas e recursos, aprendendo o modo de adaptalas e aproveitalas para cada negocio en concreto, en función dos seus recursos e obxectivos.

Ermida subliñou que “a formación en marketing dixital é fundamental para axudar a entidades e empresas pequenas e medianas do sector turístico a mellorar a súa visibilidade online, atraer máis clientes e fidelizar aos visitantes mediante ferramentas dixitais accesibles e prácticas”.

Esta xornada de formación está promovida pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024.